A máscara do Vellarrón, que se está a recuperar polo concello e asociacións culturais, representa unha cara humana, cunhas orellas pregadas, barba e bigote feitos con la de ovella negra. A coroa está feita con vimbio e papeis (Veiga do Seixo) ou tiras de tea (Castrelo de Cima) de cores. A vestimenta complétase cunha camisa de felpa cun triangulo invertido e adornada cunha especie de escarapelas ou fror de tea da que penduran fitas de cores; o pantalón vai adornado con flocos de cores, na cintura un pano e un cinto de esquilas. Nas pernas: polainas de coiro. Non hai moito tempo que estas máscaras saían en grupo a pedir cartos ou máis ben viandas coas que facer logo un xantar para o grupo. Acompañando aos vellarróns ían outros personaxes como a Madama, muller engalanada con roupas elegantes e o Farrangón, home disfrazado con roupas vellas e coa cara tapada, que era o encargado de recoller os aguinaldos que daban os veciños. O vellarrón, ao tempo que facía soar as esquilas que levaba na cintura, ía zorregando cun “farrapo” similar a un mallo, a cantos atopaba polas rúas ao seu paso. A xente dicíalle: ¡Vello, vello, vellarrón, mete os cartos no bolsón!, para que gardara os cartos que algúns lle daban. (https://concelloderios.gal/festas-e-tradicions/)
Photo source: La Voz de Galicia (https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/rios/2020/02/05/vellaron-desfilara-rios-dia-22/0003_202002O5C109910.htm)
Additional information:
Web: https://concelloderios.gal/festas-e-tradicions/
La Gistería: https://tradimask.lagisteria.com/

